martes, 14 de octubre de 2008

A CONTRACORRENTE: Ferrolterra, Eume e Ortegal contan agora con medio milleiro de desempregados menos que no principio do ano



Aínda que setembro foi un mal mes, se collemos todo o 2008 o paro baixou nestas comarcas. Ao revés do que sucede no resto de Galiza e de España.

No cómputo dos tres primeiros trimestres do ano, a información oficial da Consellería de Traballo indica que o paro se reduciu desde que se iniciou o ano. Así, en xaneiro había inscritos nas listas comarcais de desocupados 13.030 persoas, fronte aos 12.531 actuais, ou o que é o mesmo, Ferrolterra, Eume e Ortegal comezaron o 2008 cun 3,8% de parados máis dos que ten nestes momentos.

O bo momento do naval está entre as posibles causas que explican esta situación. As compañías auxiliares que traballan para os estaleiros da ría ata se enfrontaron a dificultades para atopar a persoal co que atender a carga de traballo de Navantia. Doutra banda, a caída da construción non tivo tanta repercusión nas tres comarcas como no resto de Galicia.

Feminización do paro

A pesar de todos os esforzos realizados por reducir substancialmente o paro feminino, nas tres comarcas a maioría das persoas que figuran nas listaxes oficiais como buscadores activos dun posto de traballo son mulleres. Dos 12.531 desempregados rexistrados actualmente en Ferrolterra, Eume e Ortegal, 7.949, é dicir, o 63,4% son mulleres. Tampouco se aprecia un cambio de tendencia en canto aos tramos de idade e son os maiores de 25 anos os que se ven máis prexudicados polo aumento do paro.

No hay comentarios: