sábado, 25 de octubre de 2008

Malos tempos para buscar chollo


Segundo as cifras dadas a coñecer onte na Enquisa de Poboación Activa (EPA) o paro aumentou en España en 217.200 persoas só no terceiro trimestre.

A cifra sitúa o número total de desempregados en 2.598.800, o dato máis alto desde 2000.

Nun ano, os traballadores sen emprego aumentaron en 806.900, un 45,03%. En consecuencia, a taxa de paro subiu o 0,88% e sitúase nestes momentos no 11,33% da poboación activa, a porcentaxe máis elevada desde o primeiro trimestre de 2004. No que vai de ano 2.445 traballadores fóronse ao paro cada día. O dato contén feitos preocupantes, por primeira vez en 14 anos, desde a crise dos noventa, destrúese emprego. En termos interanuais, de setembro a setembro, o número de ocupados diminuíu en 164.300 persoas (0,8%) e sitúase en 20.346.300 cidadáns.

Un dos efectos é o aumento do número de fogares con todos os seus membros en idade de traballar desocupados. No último trimestre, o seu número aumentou en 84.300, un 15,2%. Suman xa 638.000.

O deterioro no último trimestre non se limita ao sector da construción (57.600 novos parados), afecta tamén á industria, con 27.200 novos parados nos últimos tres meses e á agricultura (26.900). Nin sequera o flotador económico tradicional da economía española, o sector servizos (47.700 parados máis nos últimos tres meses), serve para manter o tipo.

Por primeira vez desde 1994, o número de parados homes nun trimestre superou ao de mulleres: 170.700 parados homes máis, fronte a 46.600 mulleres. A taxa de paro, con todo, segue sendo máis elevada entre as mulleres: 12,66% fronte ao 10,32% dos homes. E é tamén máis elevada entre os estranxeiros (taxa do 17,45% e 43.100 novos parados entre xullo e setembro) que entre os españois (10,20% de taxa de paro e 174.100 novos desempregados).

E o peor parece que aínda está por chegar.


martes, 14 de octubre de 2008

A CONTRACORRENTE: Ferrolterra, Eume e Ortegal contan agora con medio milleiro de desempregados menos que no principio do ano



Aínda que setembro foi un mal mes, se collemos todo o 2008 o paro baixou nestas comarcas. Ao revés do que sucede no resto de Galiza e de España.

No cómputo dos tres primeiros trimestres do ano, a información oficial da Consellería de Traballo indica que o paro se reduciu desde que se iniciou o ano. Así, en xaneiro había inscritos nas listas comarcais de desocupados 13.030 persoas, fronte aos 12.531 actuais, ou o que é o mesmo, Ferrolterra, Eume e Ortegal comezaron o 2008 cun 3,8% de parados máis dos que ten nestes momentos.

O bo momento do naval está entre as posibles causas que explican esta situación. As compañías auxiliares que traballan para os estaleiros da ría ata se enfrontaron a dificultades para atopar a persoal co que atender a carga de traballo de Navantia. Doutra banda, a caída da construción non tivo tanta repercusión nas tres comarcas como no resto de Galicia.

Feminización do paro

A pesar de todos os esforzos realizados por reducir substancialmente o paro feminino, nas tres comarcas a maioría das persoas que figuran nas listaxes oficiais como buscadores activos dun posto de traballo son mulleres. Dos 12.531 desempregados rexistrados actualmente en Ferrolterra, Eume e Ortegal, 7.949, é dicir, o 63,4% son mulleres. Tampouco se aprecia un cambio de tendencia en canto aos tramos de idade e son os maiores de 25 anos os que se ven máis prexudicados polo aumento do paro.